quarta-feira, 4 de novembro de 2009

Caixas de Aforros: abonda xa de manipulación

Medra o nerviosismo entre os impulsores da fusión. Os titulares de hoxe do xornal do norte soan a que se están xogando xa o todo polo todo –ou rompe ou racha-.

Semella que o importante non é que as decisións se tomen con información fundamentada, con criterios racionais e con sensatez. O importante, parece, é buscar unha saída urxente, a que sexa, para unha situación desesperada de Caixa Galicia. Ao tempo, estase xustificando anticipadamente diante da opinión pública calquera futura decisión. Se Caixa Galicia acaba sendo absorbida por Caja Madrid, a culpa será de Caixanova.

Este país merécese menos manipulación e un pouco máis de madurez.

Hai que dicir alto e claro que non son o Sr. Fernández Gayoso, nin o Sr. Méndez os que teñen a responsabilidade nin a potestade de deseñar as estratexias económicas do país. O ministro Sr. Blanco, tampouco.

É o goberno galego o que ten a capacidade, que lle outorga a vixente lei de caixas, para vetar, ou para dar luz verde, a calquera operación relacionada co cambio de status das caixas de aforros.. É o goberno, polo tanto, quen ten a responsabilidade de tomar as decisións en coherencia cunha estratexia económica de país.

O que ocorre é que este goberno non parece ter ningún modelo de futuro, nin semella que o considere necesario –pero este é outro tema que merece un comentario por si mesmo-. Así, as claves en que se tomará finalmente a decisión política sobre as caixas serán outras alleas, seguramente, aos intereses de Galicia.

No canto de tanta intoxicación mediática, sería bo, poder coñecer dunha vez o estado real, con datos, das dúas caixas. Ou estarásenos preparando o terreo para que, diante da contundencia deses datos, sexa máis doado de aceptar un escenario no que a única saída sexa Caja Madrid?.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado