sábado, 12 de dezembro de 2009

Referendums, independencia e PIB

O PIB per cápita de Bolivia era en 2006 de 1.152 $. O de Santa Cruz, departamento con importantísimas explotacións de hidrocarburos e que ademais aporta o 80% da produción agrícola e xera o 35 % do PIB nacional, era de 1.300 $. Pando, cunha poboación de só 61.000 habitantes, e con grandes riquezas minerais -ouro, litio, cinabrio, ilmenita, bauxita, columbita e pedras preciosas- ademais da produción de améndoa, ten un PIB per cápita de 1.366 $. Tajira, con importantes explotacións de gas, ten un PIB per cápita de 3.033 $.

Estas tres rexións hai tempo que veñen loitando por independizarse do resto do país. Non están dispostos a seguir repartindo a súa riqueza coas zonas máis deprimidas. E menos cun goberno claramente esquerdista, indixenista e redistributivo como é o de Evo Morales. Un plantexamento claramente insolidario. Un nacionalismo de dereitas o dos santacruceños.

Menos mal que Evo acaba de gañar as eleccións cun 63% dos votos -aínda que nos tres departamentos citados non foi quen de gañar-. Este resultado garante, por suposto, a solidariedade e impedirá a curto prazo, calquera avance cara á independencia das rexións ricas.

Hoxe, nos países desenvolvidos os movementos de liberación nacional -impulsados sempre por movementos progresistas de esquerdas-, desaparecido o IRA como movemento armado, loitan todos no marco democrático -excepto, polo de agora o caso de Euskadi- e, polo tanto, o obxectivo é chegar a conseguir nese contexto legal os niveis de soberanía que lle permitan decidir, vía referendum, á poboación de cada país.

Os dous casos que veñen sendo paradigmáticos para os movementos nacionalistas do estado Español son os de Québec no Canadá e Escocia no Reino Unido.

Québec é territorialmente a máis grande provincia do Canadá, cunha poboación que supera os 7,6 millóns de habitantes. Con datos de 2005, o PIB per cápita de Québec é de 29.163 $. Situaríase, pois, no lugar 22 das economías mundiais, por detrás de Alemaña e por diante de Italia e España.

Ao longo do século XX leváronse a cabo varios referéndums que promovían a súa independencia. En 1980 os independentistas obtiveron o 40,5% dos sufraxios. En cambio no Referéndum de 1995 os independentistas quedáronse a menos dun punto porcentual de conseguilo co 49,6% dos votos.

En 2006 o parlamento canadiano, co apoio do partido gobernante, recoñeceu a Québec como una nación dentro dun Canadá unido nun intento de aplacar os desexos secesionistas dos partidos independentistas, aínda que só nun sentido cultural e social pero non legal.

Co incremento dos prezos do petróleo en 2004 e 2005, houbo unha transformación económica: as provincias da Columbia Británica, Alberta e Saskatchewan teñen históricos superávits nos seus orzamentos. Isto provocou que Ontario e Québec expresen que queren contribuír con menos porcentaxe de impostos que o resto das provincias. Alberta, por exemplo, ten un superávit de 8.000 millóns de dólares canadianos, os que, Ontario e Québec piden que se destinen ao sistema federal co fin de que estas dúas provincias contribúan con menos impostos para a federación.

Este cambio económico diminuíu a tensión, e a posibilidade dunha división ou separación da federación xa non é unha preocupación nacional.

Escocia é a máis septentrional das catro nacións constituíntes do Reino Unido. Xunto con Inglaterra e Gales, forma parte da illa de Gran Bretaña, abarcando un terzo da súa superficie total. O territorio escocés abarca 78.772 km2, e a súa poboación estímase en 5.116.900 habitantes.

A demanda pola independencia escocesa baséase na idea de que Escocia, como unha nación cunha cultura e identidade diferentes á inglesa, pode separarse do Reino Unido e volver ao estado de independencia perdido en 1707. Está anunciado un referéndum pola independencia para o 2014.

Escocia, con datos de 2008, ten un PIB per cápita de 32.655 $. A media do Reino Unido son 33.360 $, é dicir, Escocia estaría no 98% da media do Reino Unido. Se temos en conta que a City de Londres aporta o 21 % do PIB total e que se sitúa mo 169 % da media británica, conclúese que, excluído Londres, Escocia está claramente por riba da media do Reino Unido.

En España, dos tres nacionalismos históricos, Euskadi, Cataluña e Galicia, só os dous primeiros parecen ter claramente deseñada unha estratexia para avanzar cara á posibilidade de acadar a soberanía nacional por vías democráticas.

En Euskadi o PIB per cápita en 2008 é de 46.957 $, que supón o 133,8% da media española. En 2005, por utilizar datos máis homoxéneos, era de 34.484 $.

Cataluña ten en 2008 un PIB per cápita de 41.056 $, que equivale ao 117% da media española. En datos de 2005 era de 32.202 $.

En Galicia, o PIB per cápita 2008 é de 30.131 $, o 85,8% da media española. En 2005 era de 22.226 $.

Na seguinte táboa situamos os cinco países analizados, Québec, Escocia, Cataluña, Euskadi e Galicia, no ranking da OCDE por PIB per cápita.


Obsérvase como os países con azos independentistas sitúanse todos na primeira metade do ranking. É dicir, no reducido grupo de países máis ricos do mundo. Québec, que se coloca lixeiramente por debaixo da media, xa se dixo máis arriba que veu bastante diminuídas as súas reivindicacións independentistas a medida que perdía peso económico no conxunto do estado canadiano.

A primeira conclusión é pois evidente. Os movementos independentistas democráticos progresistas de esquerdas dos países desenvolvidos, coinciden de pleno nos seus obxectivos, dende o punto de vista económico, cos movementos independentistas de dereitas dos santacruceños bolivianos.

Dende Galicia, cun nivel económico por debaixo da media española e na cola dos países da OCDE -véxase a táboa-, esta análise deberíanos deixar claro que a estratexia seguidista de Euskadi e Cataluña é un tremendo erro. Para eles a secesión equivale, en principio, a máis riqueza. Para nós equivale a máis pobreza.

Como xa dicíamos nun post anterior -nacionalismo orientado, nacionalismo desorientado-, o nacionalismo galego só pode formular obxectivos independentistas despois de asumir a nosa realidade económica. Iso significa que as estratexias deberían ser máis a longo prazo e máis próximas ás dos movementos de liberación nacional dos países en vías de desenvolvemento. Témome que o nivel de riqueza e benestar que temos acadado dentro do estado español fai xa inaceptable para a inmensa maioría da poboación galega calquera alternativa deste tipo...

4 comentários:

  1. O Pais Basco tem um fraude fiscal instaurado (imposto de sociedades 7 ponto menos do que no resto do estado). Com essas competéncias tributárias plenas nenhuma província espanhola seria pobre: sempre estaria por cima da média espanhola na quantidade extra de actividade económica que provocam esses 7 pontos (por exemplo).

    Acho que falar em ricos e pobres e associar-lhes linhas independentistas é um erro de plano, tratando-se de países ricos e industrializados.

    O falto do teu discurso é a tua conclusão: que a Galiza fora de Espanha seria mais pobre. Fora de Espanha, Iberdrola, Repsol, Endesa, Gas-Natural-Fenosa e outras multinacionais teriam a sua sede onde exploram a maior parte dos seus recursos e pagariam lá os seus impostos. E a administração que se paga com esses impostos não estaria, também, em Madrid. Senão em Compostela. E todas as inversões que se fazem em Madrid também com os nossos impostos.

    ResponderExcluir
  2. O artigo achega dados interessantes e está bem fundamentado, mas nom podo concordar com el.

    Em primeiro lugar porque a esquerda independentista pode valer-se da burguesia nacional e dos seus interesses para atingir a independência nacional como passo prévio para a segunda independência a social. Na Galiza a burguesia existente é plenamente espanhola e a drenage de recursos centro-periferia segue plenamente activada, o qual coincide com a analise do comentário anterior.

    A independência de Kosovo parece que nom se inclui na tua listage, aí está para ver como um estado se conforma para servir de agente local dos EUA que seguem aplicando o direito de autodeterminaçom retoricamente enarbolado por Wilson segundo lhe convenha.

    O direito de autodeterminaçom dos povos é inalienável e goste mais ou menos pode ser exercido por qualquer povo em qualquer momento. Logicamente, os estados consolidados nom permitem exercê-lo se nom hai umha posiçom de força interna: um movimento popular forte ou umha burguesia que encabece o processo. Em todo caso, a esquerda independentista será logo a que tenha que derribar a burguesia nacional que controle o estado para atingir a segunda independência.

    A segunda independência é a que procura Evo Morales em Bolívia, com erros e acertos. As pretensons secessionistas de Santa Cruz apoiam-se em fundos e agentes ianquies que nom actuam nos casos de Escócia, os Països Catalans, o Québeque ou a Lapónia. O povo curdo é umha naçom por língua, cultura, história e sentimento colectivo. O povo cruzenho nom é umha naçom, apenas umha burguesia oportunista que tenta desgastar a Evo para reocupar o poder e implementar as políticas de expólio ultraliberal que semelha aterrarám em Chile em breve. Umha boa táctica é demandando autonomia, ou seja, instituiçons desde as que derribar o processo de mudanças encabeçado por Evo (que nom é ainda para nada socialista, mas polo menos é popular e anti-ultraliberal que já nom é pouco para radicar no celeiro do Imperialismo). Os únicos que poderiam falar de autodeterminaçom e autonomia em Bolívia som os que massivamente votárom polo MAS, ou seja, os indígenas, os deserdados pola grande burguesia criolha com Espanha e com Bolívia.

    Umha aperta irmandinha

    ResponderExcluir
  3. Creo que no post caes en contradiccións e reduzes en exceso o tema a questións economicista, esquezendo os feitos éticos e nacionais. Se quitas londres por que non quitas edinburgo da escocia? Quebec e bastante máis pobre co Canada, pero rico, santa cruz a inversa, olvidas gales corcega, irlanda,kurdistan.A maior riqueza da eslovaquía, trala independencia.etc.Non acredito de diferencias esquerda-dereita, cada povo utiliza as estratéxias máis convintes en cada momento.

    No caso de Galiza en que te baseas?,as balanzas non son tan positivas(ben miradas) ou negativas.Eu acho que teriamos enormes oportunidades de progresar sós. duar

    ResponderExcluir
  4. Moito obrigado polos comentarios. No seguinte post tento dar algunhas respostas.
    Saúde,

    ResponderExcluir

No faiado