quarta-feira, 18 de julho de 2012

A verdadeira dimensión da protección social en España

A forza de repetilos, hai demasiados tópicos que acaban prendendo no imaxinario colectivo. Un dos que hoxe parecen máis indiscutibles para o cidadán medio é que o sistema de pensións de xubilación español é economicamente inviable, fundamentalmente porque a taxa de crecemento do número de pensionistas é moi superior a taxa de crecemento do número de ocupados.

Coa mesma liña argumental, tamén se ten convencido á cidadanía de que o noso sistema de protección social -lei de dependencia e outras medidas sociais- é igualmente insostible.

Para tratar de cuantificar axeitadamente ambas afirmacións, podemos analizar, con datos de 2009, os últimos publicados por Eurostat, cál é a situación española no contexto europeo.

O gráfico 1 recolle o gasto que supoñen as pensións en porcentaxe do PIB. É procedente esa análise en relación ao PIB porque nun sistema económico onde os cambios tecnolóxicos están substituíndo progresivamente man de obra por capital e onde, ao menos nos países desenvolvidos, as actividades intensivas en traballo teñen difícil viabilidade competitiva debido aos maiores custos salariais, non ten ningún sentido que o pago das pensións siga recaendo exclusivamente nos salarios. Do mesmo xeito que hai anos a seguridade social deixou de se financiar a través das cotizacións salariais e pasou a financiarse vía impostos, tamén as pensións requirirán, no futuro, desvincularse dos custos salariais e pasar a financiarse pola vía dun imposto que grave a totalidade do valor engadido xerado.

 

Gráfico 1. Gasto en pensións de xubilación nos países da UE-27, medido en porcentaxe do PIB.

Pois ben, pode apreciarse como en España dedícase o 10,10% do PIB ao pago de pensións de xubilación. Isto supón que no conxunto da UE-27, España ocupa o posto 16. Con algunha excepción como Malta, Luxemburgo, Chipre e Irlanda, o resto de países que están por debaixo de España son todos pequenos países da antiga Europa do Leste: Lituania, Romanía, Estonia, República Checa, Bulgaria, Eslovaquia e Letonia.

Están por riba de nós, e con moita diferenza, todos os países da nosa contorna: Italia (16,03%), Francia (14,51%), Alemaña (13,14%), Reino Unido (12,53%). Pero tamén, Portugal (14,12%) e Grecia (13,45%).

Si agora analizamos, no gráfico 2, o conxunto do gasto en protección social, entendido como as transferencias, en efectivo ou en especie, que se fan aos fogares e aos individuos para alixeirar a carga dun conxunto definido de riscos ou necesidades, en España ese gasto equivale ao 25,04% do PIB, ocupando a posición 14 dentro da UE-27. Outra vez, por debaixo de España sitúanse só os países da antiga Europa do Leste. Volvemos a estar, tamén aquí, lonxe do gasto que se fai en países como Francia, Alemaña, Italia ou Reino Unido, pero tamén por detrás de Grecia, Irlanda e Portugal. 

 

Gráfico 2. Gasto total en protección social nos países da UE-27, medido en porcentaxe do PIB.

A conclusión, por obvia, non require máis comentarios. O noso sistema de protección social sitúanos no mesmo nivel de benestar que Eslovenia, Hungría e todos os demais países do Leste xa citados. Tal como vai a cousa, parece claro que, efectivamente, ese é, en todo, o nivel ao que nos diriximos. Co agravante de que todos eses países están mellorando, mentres que nós empeoramos de maneira vertixinosa. 

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado